Paisaxe a dúas mans L&J

Paisaxe urbano, ceras sobre folio A3 en branco, a dúas mans. L&J (2019).

imaxe da obra

Análise

O conxunto, costumbrista, claramente suxerido pola man experta con mente artística limitada, propón unha escena onde os elementos tradicionais dos que se abusa sen piedade no arte contemporáneo nas primeiras etapas do artista (o chalé e os dous coches da familia) conviven en aparente armonía con froitos, flores e o céspede diante da casa, nun día soleado para desfrute de unha nena que xoga no xardín.

Os trazos rectilíneos distintivos do ser autolimitado, normalizado por décadas de adoutrinamento, destacan pola súa pulcritude, presión constante e bordo definido. Crea estructuras simétricas, dotando de equilibrio ao conxunto, de xeito que proporciona a tranquilidade, o confort necesario para quen observa, para que non se sinta intimidado ou, o ceo non o permita, excite unha neurona de xeito que teña que dedicar un intre a intentar saber o que está a observar. Aburrido.

A loita

A man intrépida, porén, esfórzase por romper, xa sexa insconscientemente ou por un acto de ousadía contra o poder establecido, esa caixa, esa prisión que limita a súa expresividade e que ainda nen ela mesma, a man, é capaz por si mesma de comprender. Esa paixón non contida, interrumpida pola man que intenta guiala, consegue finalmente imporse e dotar de carácter ao conxunto.

Onde mellor apreciar esa loita que no sol?: redondo, case un círculo perfecto, laranxa como deus o concibeu, con raios de igual lonxitude, con ángulos de separación case medidos e un motivo espiral no seu centro. O sol sofre A Metamorfose, a escena muda hacia un día nubrado que o domeña, as nubes finalmente alcanzan e cubren o sol, métense nos seus intersticios e chegan incluso ao seu corazón-en-espiral para, nun acto final memorable, simbolizar a chegada da noite, o destino común a todo corazón, a morte ao fin.

É probable que a man intrépida non verbalice nesta etapa do seu desenvolvemento artístico este concepto tan tratado no arte desde a época en que o lenzo eran as paredes da cova, aínda que sen dúbida subxace no fondo da súa condición indudablemente humana. Afortunadamente para nós e as paredes das casas, que non para as árbores, agora temos folios para pintar.

Abonda este simple detalle, subliñado polos lóstregos que saen das nubes, para apreciar o dilema que se nos mostra. Un Hamlet dubidando entre cumplir o seu destino e liberarse ou pregar velas e unirse ao rebaño.

Sen extendernos no obvio da composición, destacamos outro detalle que exemplifica as dúas naturezas. Os autos diante no prado, un a imitación do outro, coloreados según o patrón da man domesticada mais executado pola man libre, que se resiste a ser confinada dentro dunhas liñas tan arbitrarias como impostas.

Consideracións

Seguiremos con atención a evolución técnica e conceptual da man intrépida. Da outra non agardamos nada.


CC BY-SA