II Trail Castelo de Moeche

Comentarios acerca da xornada en Moeche

TL;DR

  • fomos dúas persoas á andaina e unha ao trail
  • non levamos un golpe
  • fixo bo día
  • a organización so tivo “un” fallo
  • pasámolo ben

o noso día

comezou cediño, pois tiñamos preto de hora e media de coche ata o castelo de Moeche

Información acerca do Castelo na web do Concello de Moeche

A primeira hora ía estar fresco o día, pero tivemos un fermoso día de sol de novembro para pasear. Pouco despois das nove xa había algo de xente recollendo o dorsal para participar, pero chegamos en boa hora, xusto antes do aluvión de participantes, e así estacionamos o coche no aparcadoiro anexo habilitado (unha leira) sen agobios e fomos ao propio castelo a cumplir co trámite de acreditación.

imaxe do castelo

o castelo e un prado, menudo HDR máis cutre

Ás dez saía a andaina, unhas 150 persoas para facer uns doce quilómetros polos camiños de arredor. Unha subida inicial pronunciada e despois ir facendo camiño ata unha zona final con outra subida.

As da carreira saímos media hora despois, con preto de dezasete quilómetros por diante con algunha subida máis pero compartindo boa parte da ruta coas andarinas.

a carreira

O sol xa “quentaba”, así que de inicio xa fun coa camiseta de manga curta que obsequiaba a organización e non pasei pisca de frío nin nas zonas de sombra.

dúas persoas compartindo un bo desexo para a carreira

Dezasete quilómetros polo monte está dentro do que podo facer sen problema e sen preparación ou planificación específica: vas alí, poste a correr sen agobiarte, comprobas como te sintes e decides correr máis ou menos intensamente.

Onte sentíame ben, así que aos tres ou catro quilómetros, tras a subida inicial, decidín pór un ritmo forte e que eu sentise sostible. Había a media carreira moitos tramos para correr rápido, con terreo favorable ao longo dun río, e ahí pregunteime se non me estaría pasando de voltas. En “teoría” aínda ía pola metade da carreira. Decidín que “meh!, tira pa diante!” que total o peor que pode pasar é que non teñas forzas e teñas que ir andando. O mellor que pode pasar? que realmente tivera un bo día e fose como un tiro ata o final.

xa hacia o final da ruta

sen maior dificultade técnica e subidas curtas, foi unha bonita mañán para desfrutar

Problemiñas

só por reseñalo debo dicir que a unlla do dedo gordo do pé dereito íame molestando. Levo unhas semanas así, sen dor, pero molestando. Tras un día no monte virou “escura” e desde entón mellorou pero non debe estar ben aínda, pois nas baixadas moléstame ata o punto en que me fai variar a pisada, para autoprotexerme. A longo prazo esto non é bo nin para o pé, o nocello, o xeonllo…

outro asunto foi cando ía correndo moi rápido (relativamente) no tramo xunto ao río notaba os bíceps femorais, de ambas pernas, coa sensación esa de que estás indo rápido de máis, como se che fose dar un “calambre” ou así. Non me pasou nada, non foi nada, pero esto si que me fixo baixar un pouco o ritmo para darlle uns minutos de recuperación (pero correndo). Había moitísssimas semanas que non corría de forma sostida a esta velocidade, polo que considero normais estas sensacións.

Como despois deste tramo chegou a última subida longa, case toda andando rápido, pois xa me valeu para recuperar a musculatura e aliviar a molestia da unlla. Non pasou a cousa de “problemiñas”.

O problema

Cando me dei conta xa estaba na meta. Xa no avituallamento do quilómetro 12 non me cadraban os números, pero tampouco pensei moito no asunto.

baixando da última subida escoitaba “demasiado preto” ao speaker da meta. Con arredor de 10km supuxen que pasariamos preto do castelo para dar outra volta por alí noutra subida.

Mais non. Baixamos e xa tiramos directos a meta, con algo máis de trece quilómetros de carreira rematamos a maioría de nós un pouco confusos. Era IMPOSIBLE que o trebello GPS tivese unha marxe de erro tan grande; tampouco oíramos nada de que recurtaran a ruta por algunha circunstancia; así que asumimos, inicialmente, que simplemente cambiaran a ruta.

Non foi ata máis tarde que souben, comentando coa xente que fixera A RUTA COMPLETA de 16,7km, que o que realmente aconteceu foi, supostamente, que nun pequeno bucle que había case ao inicio da ruta a maior parte de nós collemos o desvío na dirección equivocada. Como era un tramo que se pasaba nos dous sentidos había sinalización, pero NON HABÍA NINGUÉN NIN NADA que indicase o sentido da ruta. Certo é que eu seguín aos que ían diante, dúcias de persoas naquel punto inicial.

Creo que foi un fallo IMPORTANTE da organización non poñer alí unha persoa controlando o “sentido de circulación”. Polo demáis había xente da organización en cada desvío e a ruta estaba chea de balizas e cintas. “Dicían” que alí “chegou tarde” a persoa encargada e que só as corredoras da parte final do grupo fixeron a ruta completa. O certo é que boa parte das corredoras fixemos menos quilómetros e chegamos “demasiado pronto” á meta como para facer sospeitar algo á organización.

Pola miña parte, cando constatei que o fixera mal, fun ata o punto de cronometraxe a dicirlles que me sacasen das clasificacións, pois non cumprira co establecido. As persoas encargadas non se extrañaron ao dicirllo, pois “pasoulles a máis persoas”. Non sabía eu naquel momento a cantas. Foron moitas e sen dúbida as que se repartiron os trofeos de gañadoras. Facer 17km con 700m. de desnivel en 1h’? No way.

a miña carreira

a miña carreira, sinalando o punto conflitivo

Despois da carreira

cheguei eu en 80 minutos, moito menos do que tiña calculado e con moito tempo agardando polos andarís. Falando coa xente neste tempo foi cando atamos fíos do acontecido e en que punto. Algúns enfadados, outros coma min contrariados pero sen darlle maior importancia xa que non nos afecta para a premiación (nin ao ego).

Salvando este fallo eu creo que organización foi moi correcta, tanto no reparto dos dorsais, a situación dos servizos da proba nos arredores, marcado da ruta (!) e a comida de confraternidade.

Sen extenderme, nunha grande carpa anexa montaron un bochinche, unhas mesas e a compartir a alegría de poder estar alí.

Primeiro a empanada mentras agardabamos pola fabada, a cervexa fluíndo e o sol templando o ambiente, contribuíron a ese balburdio de voces e caras alegres. Libre dunha desgracia estos “eventos” son celebracións da saúde e da alegría de poder tomar parte deles. Pasan semanas e meses desde que volves a falar con xente da que non recordas o nome, pero “sabes quen son” e recoñecédesvos mutuamente.

imaxe da comida

unha das mesas

Marchamos de Moeche contentos e satisfeitos, de ter pasado un bo día, de ter coñecido un lugar ao que nunca fóramos e de reencontrarnos no camiño.

Versión gemini en gem.xmgz.eu

Deixa o teu comentario utilizando a túa conta no fediverso.


CC BY-SA

Comentarios

Utiliza a túa conta no fediverso // Comment using your fediverse account.

Responder/Reply