A ruta
perfil do trail
Resumindo: Baixas, patapúm parriba, baixas, multisaltos e algo de correr a beira do río, patapún parriba outra vez, e esprintar ata a meta.
Saíndo de As Neves (A Capela) baixamos por camiños e pistas con pouca dificultade técnica, únicamente tendo tino de non esvarar nas lousas. Afortunadamente o día amenceu con moi boa temperatura para ser o mes de novembro e sen chuvia nos últimos días, polo que o chan estaba en moi bo estado. Porén sempre hai auga e humidade, así que non se pode un desconcentrar moito.
Baixamos case ate o nivel do río e comezaba a primeira subida. Máis ou menos a metade era un zig-zag baixo o bosque, nunha ladeira empinada (como se ve nas fotos) onde tes que agarrarte con pes e mans para non esvarar e rolar. A pendente é importante e hai que collerlle o ritmo ao que podes subir sin asfixiarte. Incluso andando (como se vai aquí) pódeste asfixiar (metafóricamente) tal como aprendín ben cedo nesto dos trails. A verdade é que ía ben, e aproveitaba que é moi difícil adiantar sen estorbar a persoa que adiantas para tomar un minuto, recuperar, e pasarlle e poder ir ao meu ritmo ate que pillaba a outro grupiño.
Teño por costume saír dos últimos de todo no grupo, pero creo que si miro o aspecto competitivo, perdo moito tempo en estos primeiros quilómetros detrás de xente que ten medo indo polas corredoiras, os que non queren manchar os tenis (ou eso parece) e os que saen demasiado rápido e acabas adiantándoos moi pronto pero en lugares incómodos, como en esta subida. Nun lugar ancho e para correr non hai problema, pero non é cousa de bater en alguén e que poida caer el ou ti, non hai necesidade de facer esas cousas habendo tanto tempo e distancia para correr. Hai que respetarse.
A segunda parte da subida era máis aberta pero tamén con boa pendente. Desde a zona de saída/meta podíase ver esta especie de cortalumes mirando en dirección SO.
Pronto, xa baixando por un terreo semellante a subida (por camiños), estaba o primeiro avituallamento. Con membrillo, alpiste, plátano, laranxas, auga e jatorade, non había queixa ningunha. Cando corremos polo monte a organización sempre advirte de que é motivo de descalificación ir deixando lixo tirado. Son lugares que temos que respetar e deixar a menor pegada posible, e neste aspecto creo que imos mellorando (quen corremos) en comparación a outros anos.
Nun parque natural como o das Fragas do Eume, as restricións e avisos son maiores si cabe.
Correndo ribeira arriba no Eume
Este tramo, que no perfil superior se ve tan quebrado, era propicio para desfrutar do lugar no que te atopabas. O río a dereita como compañía, algo máis caudaloso que en xuño, podías ir correndo ao xeito do corpo só tendo coidado de non afuciñar debido a unha raíz ou perder o pe nas pedras (deixando un nocello ou xeonllo averiados).
Xa só quedaba a última subida, que se inicia prácticamente a altura do Mosteiro de Caaveiro, que da nome a carreira e onde se situaba o segundo avituallamento. Sempre paso correndo por aquí, así que pola tarde vin facer unha visita turística (xa que coñecía o camiño…)
A subida novamente empinada, pero algo menos e por camiños transitables. Cando digo que é menos empinada é verdade, pero falamos fácilmente dun 20/25% (a ollo de ciclista). Carballos e soutos dannos acubillo.
Fermoso o rego de Sesín, con pequenas fervenzas, muiños, e saltando entre as rochas, coñecémolo máis calmo máis preto do seu nacemento unha vez rematamos esta subida.
Parque etnográfico A Capela (río Sesín)
Durante aproximadamente un quilómetro imos paralelos ao rego de Sesín que pasa xunto ao mosteiro máis abaixo. Aquí o seu cauce foi aproveitado para construír muiños, e aproveitar as súas marxes para a actividade humana (recollida de castañas, carboeiros, etc.). Na seguinte web temos unha explicación detallada e máis información: http://www.museodacapela.org/
Meta
E xa chegamos!! Nun plis plas plantámonos novamente na vila.
En esta zona, maiormente máis ao leste e do outro lado do río, corrín o Trail Fragas do Eume (en xuño), que xa sexa porque é máis longo, ten máis desnivel e fai máis calor (ou todo un pouco!!) facía que viñese a este con certo respeto e fixo que fose algo conservador coas forzas. Esto, si o ego cho permite, dache a oportunidade de desfrutar máis do entorno e a compañía, de ir sacando fotos, … de desfrutar mellor do día.
Con este bo ánimo, sen levar un golpe e boas sensacións, cheguei ao pavillón onde tiñan a meta. A meta estaba dentro do pavillón 😂, xunto cos callos, embutidos, auga, cervexa (o peor do día), marmelo, queixo e demáis viandas para a xente da andaina, do trail curto e para os do longo.
As duchas estaban tamén ao lado, con auga do tempo 😂, así que todo foi moi cómodo desde o punto de vista do corredor. Si ademáis sumamos a sinalización perfecta da ruta, a seguridade controlando cruces de camiños, os avituallamentos abondosos e ben situados,… todo estaba para pasalo ben.
Ate a camiseta conmemorativa era xeitosa e agradable para este tempo fresco!!
Por moitos anos!!