Ovos ao prato con chícharos e touciño

ovos con chícharos e touciño

inspirada por Karlos Arguiñano

Ingredientes

  • dous ovos
  • un tomate grande
  • dúas zanorias
  • unha cebola pequena
  • un dente de allo pequeno
  • chícharos
  • perexil
  • aceite de oliva virxe extra
  • touciño entrefebrado curado (ou fresco)
  • sal

foto dos Ingredientes

Preparación

Tempo de preparación: 1 hora

mais se mercas salsa de tomate de bote e cociñas os ovos metendo a tixola no forno en lugar de tapándoa entón nuns 20 minutos xa estaría feito.

Nunha pota poñemos a cocer os chícharos e a zanoria picada en dados moi pequeniños cunha pisca de sal. Deben cocer, pero non demasiado (sen que se desfagan) porque despois seguirán cocendo uns minutos.

Picamos o touciño miudiño e poñemolo a lume suave nunha tixola cunha culler de aceite de oliva virxe extra, cando esté dourada retiramos a sartén do lume.

tres tixolas na vitrocerámica

Noutra tixola poñemos dúas culleradas de aceite de oliva virxe extra, picamos unha cebola pequena e un allo pequenos moi finamente, botámolos á tixola cunha poliña de perexil picado.

A lume lento pochamos todo e cando está a cebola un pouco feita engadímoslle tamén o tomate natural picado.

facendo a salsa de tomate

A lume suave deixamos que todo se convirta en salsa de tomate, salgamos ao gusto, poñendo tino en remexer con frecuencia e que non se pegue (lume suave!) ata que se desfaga e espese.

Á tixola do touciño engadímoslle os chícharos e zanorias cocidos e salteamos todo a lume vivo. Unha vez salteado engadímosllo á salsa de tomate, formando unha capa superior, sen remexer.

ao engadir os chícharos e os ovos

Abrimos os ovos poñendo coidado en que non rompa a xema e colocámolos enriba de todo o anterior, cun pistiño sal a cada ovo.

Tapamos ben a tixola e a lume moi suave deixamos facer os ovos ata que calla a clara ao gusto (uns 12 minutos).

cos ovos cociñados

bo xantar!

Podes comentar esta receita ou algunha historia sobre esta receita típica da cociña vasca respondendo a esta mensaxe e aparecerá aquí abaixo nos comentarios.


CC BY-SA

Comentarios

Utiliza a túa conta no fediverso // Comment using your fediverse account.

Responder/Reply