Trail Xtosín - Maratón

…onde conto como me foi no Trail de Portosin, Xtosín Trail.

Antecedentes

nada reseñable, apunteime a esta carreira en xaneiro como obxectivo principal na primeira metade do ano, así que todo o adestramento e carreiras nas que participei estiveron orientadas a desfrutar neste evento. Non seguín ningún plan ni estructura de adestramento, fun facendo según me petaba, acumulando horas e algo de desnivel. O que si intentei de forma consciente foi estar sano.

mapa coa ruta

mapa coa ruta, ao final fixen case 44km.

Descrición

Ata dous días antes fixera moita calor para esta época do ano, pero o día amaneceu nubrado e fresco, perfecto para correr. Con nubes baixas nas montañas.

Eramos moi pouquiña xente inscrita na distancia maratón, non sei canta exactamente, pero mirando a clasificación vexo que só chegamos 25 a meta. Xunto coas outras distancias, unhas 265 persoas para pasar o día no monte.

foto minutos antes da saída

minutos antes da saída das persoas corredoras do maratón

Entre que eramos pouca xente, e que canto maior é a distancia menos paquetes nos apuntamos, foi un pouco abrumador ver como aos 200m. de dar a saída xa estábamos distanciadas (por detrás 😄) a media dúcia de persoas de menor nivel. Non é que iso vaia facer que corra máis ou menos, pero sempre da gusto ir atopando xente polo camiño e non facelo completamente só.

Saímos do porto de Portosín ás nove e media (moi tarde para o meu gusto) e fomos ao longo da praia e entre os cons durante un par de quilómetros. Aquí o tema era non matarse esvarando nas rochas húmidas.

Cruzamos a estrada xeral e de ahí todo para arriba ata o alto de Iroite, ata a zona militar. A media ladeira metémonos na néboa mesta e xa non vías máis alá de 20 ou 30 metros. Por unha parte era bo, facía algo de fresco, pero unha humidade do 100% facía que sudaras moito tamén. Outra ventaxa é que non ves o que che queda por subir 😄 así que concéntraste en ir paso a paso, controlando a respiración e as sensacións metras case-trepas por un cortalumes que non da rematado. A parte negativa foi non desfrutar das vistas en varios miradoiros polos que pasamos.

perfil da ruta, con estadísticas

perfil da ruta xunto con estadísticas do tempo que estiven andando, tempo correndo e cando estiven detido

Gardar forzas era no único en que pensaba, así como no afortunadas que somos as persoas que podemos facer estas cousas. Non só no plano físico, se non no económico, emocional, etc., por todo o que implica o poder estar alí.

Foi dura a subida? Pois si, pero con eso xa conta un. Malo tamén se xa vas sufrindo na primeira hora dunha carreira. Pronto chegamos ao alto e a néboa revelou outra cara menos amable. Subindo, andando, igual che costa ver as marcas da ruta, pero total xa vas amodo, mais cando xa podes correr a néboa fai que ralentices moito a marcha con respecto ao que poderías facer. Non ver ao lonxe e intuír a ruta fai que teñas que estar pendente de todas e cada unha das marcas de sinalización. Tes que ir moito máis concentrado polo alto risco de perderte. Non estabamos a gran altura (uns 600m. sobre o mar), pero no medio da néboa, sen referencias visuais, é fácil despistarse.

Non tiven moito problema, parei aquí catro ou cinco veces porque non sabía por onde ir, dando uns pasos temerosos ata que aparecía unha pintada ou unha bandeiriña, desviándome igual 50m. para ter que volver atrás andando para buscar a ruta, pero fun sen problema. Curiosamente foi arredor do quilómetro trinta, chegando ao avituallamento, onde case non había néboa, onde si que me despistei un pouco máis, perdendo un par de minutos buscando marcas, buscando a alguén no horizonte como referencia. Un problema menor, pero no que máis influiu foi no ritmo constante e relaxado que un busca nestas situacións.

Tras o primerio alto había tres ou catro quilómetros favorables pero de correr, sempre con néboa; despois unha baixada por pistas non moi empinadas ata que chegabas á zona máis bonita da ruta (á falta de non ver nada nos altos).

entrando no bosque

cen metros despois do segundo avituallamento metiamonos no bosque

A media ladeira méteste outra vez entre os árbores, a típica vexetación dos bosques galegos autóctonos, carballeiras, bidueiros, salgueiros, freixos, … seguindo o curso dun regueiro que baixaba con bastante caudal entre pelouros enormes. Aquí vas correndo con pasiños pequenos para non caer de bruces por tropezar nin esavarar na lama. A pendente é pronunciada, e por moito taco que teñan as zapatillas nunca é suficiente. Levei a vara para apoiarme e agarrándome nas árbores fun librando as caídas.

Chegamos á zona máis baixa do regueiro e ao subir pola outra ladeira chegamos ao lugar máis fermoso. Entre rochas enormes, cubertas con musgo de sabe diós cantos anos, co dosel de árbores tan mesto que facían a noite, co balbordo da auga caendo, estaba a fervenza …..

Non puiden deixar de determe e admirar o lugar, e facer unha foto.

fervenza río Sieira

Fervenza do río Sieira. Creo que na foto non se aprecia a escala do lugar.

A partir de alí xa volvía a subida a empinarse moito, no seu último terzo tamén por un longo cortalumes pero non tan empinado como o primeiro (ou esa sensación tiven), pois como no primeiro caso, a néboa impedía ter unha perspectiva real, só podías imaxinar o lugar e intuír cando faltaba para chegar ao alto polo ruído que fan os xeneradores eólicos.

Segunda subida feita… o difícil xa pasou!!

Repoñer líquidos (beber, en termos da plebe) comer un pouco de froita e galletas e tirar para adiante. A partir de aquí a néboa xa non foi un problema. Nos oito ou dez quilómetros con tendencia ascendente pero corribles, nunha especie de altiplano de vexetación baixa e sen árbores, xa podía correr ao xeito que me pedía o corpo. Collín o ritmo que entendía cómodo, sendo consciente de que aínda quedaba moito treito, pero desfrutei da auga doce dun bo trebón que pillei alí polo alto. Non puxen a chaqueta de augas para esto, non facía vento e a auga non estaba fría, así que non había risco de que o frío se me metese no corpo. Os cabalos escuálidos que había por alí daban máis pena ca nós correndo.

Xa no penúltimo avituallamento a cousa “estaba feita”, desde alí o terreo era case todo en baixada con un par de zonas de subida a media ladeira. O problema son as forzas. Correndo gastas moita enerxía nas baixadas e muscularmente acabas cos cuádriceps moi fastidiados. Nestas situacións (debilidade e desnivel pronunciado) é donde fastidio os xeonllos, pero por casualidades da vida (pois non teño explicación) desta saín con CERO molestias dos xeonllos. Non digo o día da carreira, que ahí nunca teño problema, se non dous ou tres días despois que é cando aparecen. Tampouco lle tomei ningún analxésico nin antinflamatorio nin antes nin despois da carreira. Conste esto tamén.

Ata o último avituallamento fun ben, dentro de min con marxe para adaptarme ao esforzo que quería facer. Desde o avituallamento, fun como puiden, sen marxe. Fun ben, non sufrín prácticamente nada porque non me doía nada e tiña a suficiente forza e claridade mental para adaptarme ao que había: o terreo, o calor que xa facía, as forzas que me quedaban, etc. Estaba fastidiado e non me sobrou nada, pero con esto tamén se conta. A este respecto tiven moi boa actitude mental toda a carreira, non me enfadei conmigo mesmo, nin maldixen, nin me queixei nin nada, nada de esos improperios inconcretos que fago a veces como un xeito de evadirme máis que por queixarme realmente.

Estamos todas ahí porque queremos, non ten sentido doerse.

Quizás o ter corrido só neste último tramo fixo que non sufrise, que fose regulando para chegar a meta dignamente e sen intentar seguir o ritmo de ninguén ou de chegar en determinado tempo. Pode que, tamén, ir só fixese que puidese desfrutar máis do día, sen agonías nin desfalecementos. Sempre está o ego a incordiar, pero indo só é máis doado controlarse.

no último tramo da baixada

vista de Portosín, desde a ruta, a uns 5km. da meta. Vense as nubes nos altos

O final da baixada estaba prácticamente na estrada xeral e menos dun quilómetro da meta, onde entrei con boa cara e trotando, sen case ninguén por alí xa. Nin os gañadores da miña carreira, nin os da media estaban para recibirnos e só a organización e algunhas corredoras que chegaran minutos antes ca min compartimos a pequena plaza mentras recuperábamos folgos.

A organización

Para min a organización foi moi correcta como sempre. Non me gustou que, habendo un material obrigatorio para participar, en ningún momento se comprobase tal.

Os avituallamentos estaban exactamente nos lugares indicados e cos productos descritos; a sinalización era perfecta, incluso con algunha persoa alá polo alto no medio da néboa para axudar por se había problemas. O que non se pode é evitar que haxa néboa.

As persoas dos avituallamentos eran amigables e con palabras de ánimo que sempre axudan, GRAZAS!

Non falo moito das compañeiras de ruta, porque case sempre corrín só. Só unhas palabras ao inicio cunha moza de Murcia; un compañeiro co que compartín os quilómetros finais ata que me deixou tirado :D, pero pouco máis.

Non caín nin levei golpes, non me lesionei nin enfermei (escribo esto días máis tarde), polo que descansando ben toda a tarde e comendo ben, o luns só tiña moi lixeiras maniotas nos cuádriceps e o martes xa “notaba” que recuperara as forzas totalmente (eso sentía). Quizás, todo hipotético, adestrei ben.

Fotos feitas durante a carreira

Agora a pensar algo para o outono e desfrutar do verán facendo de todo un pouco 🎉


CC BY-SA

Comentarios

Utiliza a túa conta no fediverso // Comment using your fediverse account.

Responder/Reply