Xeliña fala galego - Academia.gal

Hoxe, a propósito do Día Mundial da Lingua Materna, comparto o texto publicado na Academia da Língua Galega, de 1968 e escrito por Valentín Arias, pai de Xeliña.

A Xela Arias dedicamos este 2021 o Día das Letras Galegas.

retrato Xela Arias

A continuación, o texto (tamén dispoñible en formato .epub)

Xeliña fala galego

por Valentín Arias López

A Xeliña e unha nena pizparrela. Que naceo nunha aldea, a carón da fermosa vila de Sarria. Vai xa pra sete anos.

Os pais da Xeliña son galegos. O mesmo que a sua familia toda. E consideraron moi natural falar ca sua nena na lingoa galega que iles adoitan a cotío. A Xeliña, pois, deprendeo a falar na lingoa nai dos galegos.

Pesie a que ista determiñación dos pais de Xeliña non foi ben vista por moitos. Lémbrome moi ben de un día que estando os pais e a nena nun comerciucho da vila, ó decatarse que a nena falaba galego, moi aflixida e compunxida, chea de lástemas pola nena e de noxos polos pais, escramou a tendeira:

“!Oh! !Y le hablan gallego! Qué pena no le hablen castellano !Con lo riquiña y fina que es la niña! Si fuese un niño, aún pasaba; pero enseñarle gallego a una niña tan guapa…”

O tempo foi pasando. Deica que a Xeliña tivo catro anos. Enton, seu pai fíxolle ver que cada pobo ten a sua língoa. E que compre coñecer moitas língoas pra se entender con moita xente. En consecoencia, acordaron falar todos castelán perante unhos días pra que a nena adeprendera ista língoa; a mais da galega que xa coñecía. No entendemento que mais adiante farano igoal ca francesa. E tamén con algunhas outras língoas.

Cando andaba nos cinco anos, a Xeliña emprencipiou a ir a escola coma tódolos nenos.

Hoxe, que anda nos sete como xa queda dito, prégalle a seu pai que merque contos pra ila lelos. En galego e mais en castelán. Por certo que gosta moito dos nomeados: “A filla do rei”, “Graumillo”, “Polo mar van as sardiñas”, “Blanca Nieves”, “Ricitos de oro”, “Patito feo“…

Eu, que coñezo a ista nena dendesde que naceo, son testigo que niste intre ‒cos seus seis anos recen estrenados‒ a Xeliña “domina” a língoa castelán como calquer outra nena (da súa edade, intelixencia e condición social semellantes) que falara sempre non mais que na língoa de Castela. E mais “domina” tamén a língoa galega de igoal xeito. Co que, eu entendo, non se atopa en inferioridá de condiciós a Xeliña. Se non, mais ben, todo o contrario:

Por una banda, entenderase cos cento cincoenta millós de persoas castelán falantes que somos no mundo. I entenderase, asemada, cos cen mil milleiros de portugueses e brasileiros, cuia língoa nai e a portuguesa; ó cabo tan perto ista da galega ainda que antre portugueses e galegos non hai custión por mor da língoa.

De outra banda, teño pre min que a Xeliña e un pouco menos rutineira no adeprendemento lingüístico do que os rapaces monolingües; pois está arreo a facer comparanzas antre as dúas língoas que ila coñece, refleisionando constantemente sobor dilas.

I e ben sabido que e mais doado adeprender unha nova língoa cantas mais lingoas se coñecen. A quen fala sete idiomas cústalle menos traballo deprender o oitavo do que lle custa deprender o terceiro ó que fala tan soio dous. E, por isto, a Xeliña que xa coñece duas língoas ‒a galega i a castelán‒ terá unha miaxa mais de facilidade pra adeprender outras que si coñecera non mais a línga de Castela, poñamos por caso.

Ademais, compre que non esquezamos que xustamente a língoa e o meirande logro coleitivo de un pobo. Aquilo que lle da carácter. O pobo que renunciase a sua lingoa renunciaría ó seu mesmo ser. E coste que non e doado pra ninguén conquerir o ser de outro. Polo que, quen renuncia a sua lingoa normalmente renuncia a “ser”.

E chegados eiqui, eu pŕegolles un favor: Non se teña o dito por louvanza ou defensa da nosa língoa galega. Porque non e preciso. A língoa galega e dabondo louvada polos alleos que estabelecen contaito con ela. E xa que ila soíña tense defendido a o longo dos moitos séculos en que foi obrigada a o silenzo, anoxada e asoballada por todos, coido que sóbranlle azos pra sobrevivir por moitos séculos mais. Aínda que lles doia os comodós que laian por unha língoa universal, única, quenes, dito seia ó paso, non haberán de conquerir seu antoxo pois ainda que isa se dera, sería unha metalíngoa e por ila non poderían as língoas deixar de eisistir.

En vista do dito, nistes días de festa maior en Sarria preguémoslle a o San Xoan noso padroeiro que faga unha chisca de lus nos miolos de cantos galegos ‒por consideralo mais “fino”‒ privan a os seus fillos das recoñecidas e indubidabres ventaxas que ten pra istes adeprenderen a falar na língoa galega.

En Lugo, polo San Xoan de 1.968


CC BY-SA

Comentarios

Utiliza a túa conta no fediverso // Comment using your fediverse account.

Responder/Reply