Vida, la gran historia - Juan L. Arsuaga

Título: Vida, la gran historia: Un viaje por el laberinto de la evolución

Autor: Juan Luís Arsuaga

imaxe de portada na web da editorial

Estamos ante un libro que presenta máis preguntas que respostas, con máis dúbidas que certezas, máis abstracto canto máis avanza o seu desenvolvemento, ambiguo por veces, incluso equívoco.

Resulta así polo esforzo didáctico que representa para o autor intentar condensar a Historia da vida neste planeta nuns centos de páxinas. O autor leva publicados unha morea de libros acerca da vida, o que significa, e o xeito en que nós, os humanos, chegamos aquí. E o que nos podería deparar o futuro.

Intenta o autor desde o inicio que quede clara a súa postura respecto da Ciencia, diferenciando claramente o que cabe nela e o que non. Porén, non aforra traballo en presentarnos teorías non científicas de fonda raíz na cultura popular para posteriormente razonar en contra.

A Ciencia non se acaba, cada día faise Ciencia, e desde mediados do século XIX a Historia Natural cambiou tódolos seus paradigmas grazas á publicación de Orixe das especies por medio da selección natural.

A Selección Natural. Como nota personal sempre a considerei irmá da gravidade, electromagnetismo e as forzas nucleares débil e forte. Non é física pero, tal como compara no libro, ten unhas implicacións tan fondas no que é a vida tal como a coñecemos que a súa descrición foi un evento de relevancia histórica.

A selección natural** non é a *loita polos recursos, nin o trunfo dos que máis rápido de adaptan e moito menos a victoria dos máis fortes. As súas sutilezas son intrincadas, causando aparentes paradoxos tanto ao estudar o rexitro fósil como aplicado á dinámica das poboacións e relacións entre especies e individuos dentro da mesma especie. Está actuando a Selección Natural na nosa mente? na nosa Cultura?

Como exemplo, existe debate científico acerca de quen é o suxeito sobre o que actúa a selección natural. O individuo, a comunidade, a especie, … cada xen individual? Según apliquemos o foco, distintas teorías intentan darlle coherencia ao conxunto.

A vida

Non é doado né? Explicala. Porén, entendela.

Comezou co salto da química á bioloxía, nun día que unhas moléculas con base de carbono (C) atoparon o xeito replicarse a si mesmas, durante centos de millóns de anos, quizais/probablemente, xa baixo a acción da Selección Natural, en competencia con moléculas semellantes que non puideron (se existiron) superar ás do carbono. Moléculas que se agruparon e atoparon sinerxias entre elas (por dicilo dalgún xeito), pecháronse dentro de si mesmas (membranas celulares) e pasaron outros centos de millóns de anos. E volveuse a complicar a cousa (o concepto de Complexidade é un tema recurrente no libro) cando viron convinte que o que facía unha lle viña ben á outra e meténdose dentro pois as dúas gañaban (de qué xeito?), chegando a fusionar o ADN das dúas (utiliza como exemplo a mitocondria e os cloroplastos), para dar o salto á célula eucariota.

Que gañamos se nos complicamos aínda máis? Se nos convertemos en multicelulares? Aquí a Vida diversificouse de xeito exponencial se atendemos ao rexistro fósil. A Selección Natural tivo máis material sobre o que traballar e atopou camiños polos que, certos tipos de seres vivos desapareceron, pero outros chegaron ata os seres vivos que actualmente poblan o planeta. Incluidos nós, os seres humanos.

O azar e a necesidade

Que un meteorito veña chocar contra este planeta é azar, con consecuencias na historia da vida natural. Estariamos os seres humanos, un pequeno mamífero social, neste momento, campando ás nosas anchas en prácticamente cada recuncho do planeta se non tivese acontecido ese cataclismo (e outros de natureza climática)?

Era inevitable, necesario, que triunfase (en termos evolutivos) a bilateralidade? Ou que a vida saíse do mar?

O exemplos que ilustran o debate son profusos, alimentados polos múltiples casos de converxencia evolutiva (e outros fenómenos descritos) que aparentemente falan da necesidade de que a vida, NESTE PLANETA, sexa como é.

Os seres sociais

A última parte do libro é a máis densa conceptualmente. Centrada non só no ser humano actual que, excepcionalmente, de xeito único que saibamos, desenvolveu o que chamamos mente con capacidade simbólica, con conciencia de si mesmo e dos seus semellantes (esto non é exclusivo dos humanos). Este salto na evolución acontecido hai un par de millóns de anos, tan recente nun marco temporal xeolóxico, tráenos ao punto onde o ser humano está a influír activamente na súa propia evolución como na das demáis especies do planeta.

captura de pantalla

Somos únicos? Somos inevitables como especie? Puido a Evolución ter tomado outro camiño e ter creado outra especie de semellantes capacidades a partir de outra rama da árbore evolutiva? De haber vida extra-terrestre, produciría seres con capacidades semellantes? Somos unha consecuencia inevitable da Selección Natural?

Cando o libro pasa a evaluar a mente en termos da Selección Natural o debate supérame, dun xeito definitivo. A dinámica das poboacións, dentro e entre especies, o tipo de relacións entre elas, o xeito en que nelas (nas comunidades de seres sociais) se aplica a selección natural alcanzan un nivel de abstracción que eu non acado a comprender o que realmente implica este fenómeno.

captura de pantalla

Dun xeito inxenuo, paréceme máis doado de entender *como un animal mariño con catro patiñas, unhas patiñas particulares, tivo o éxito que tivo cando se botou fóra da auga hai algo menos de 500 millóns de anos que, como digo, entender as razóns polas que a mente consciente, coa mesma xénese química que as patiñas do peixe, cun substrato codificado nuns xenes, está sendo modelada pola Selección Natural.

captura de pantalla

Non sei se ten sentido todo esto que acabo de escribir dun tirón, varias semanas despois de ler o libro. Convídote a lelo, vaiche quentar a cabeza, terás dúbidas e algunhas certezas, aprenderás, pensarás.


CC BY-SA